Desde o concello e desde o Organismo Autónomo de Cultura os socialistas esixen compromiso municipal coa aprendizaxe de linguas estranxeiras, anuncia Covadonga Díaz.
Escola de Idiomas no noso municipio
Josefina Mosquera Roel, concelleira do PSdeG-PSOE no Consello de Administración do Organismo Autónomo de Cultura do Concello de Oleiros presentou na sesión celebrada hoxe unha moción na que insta ó Concello e a Xunta de Galicia á implantación dunha escola de idiomas no municipio. A moción resultou aprobada por unanimidade de tódalas forzas políticas.
Para os socialistas a aprendizaxe dos idiomas é algo moi importante na sociedade actual, pois ademais de ser fonte de enriquecemento cultural, o dominio doutras linguas é un factor moi importante no mundo laboral e polo tanto nas posibilidades e na calidade de emprego ao que aspira a nosa xuventude e tamén no acontecer diario da realidade laboral dos nosos cidadáns.
Nos centros educativos estanse a impartir dous idiomas estranxeiros, o que debe ser complementado con outros programas municipais e tamén coa implantación dunha Escola de Idiomas no municipio.
.
Moita xente do noso Concello, para ampliar o seu coñecemento de idiomas ou por necesidade no seu traballo acude á Escola Oficial de Idiomas da Coruña, unha oferta que debe existir tamén no noso municipio, máxime si se ten en conta que hai seccións da Escola de Idiomas noutros centros de ensino secundario da provincia.
Programa de intercambios para aprendizaxe de idiomas no estranxeiro: Os socialistas recórdanlle ó Alcalde que o mundo non acaba en Cuba
Asimesmo, os socialistas solicitamos que o Concello de Oleiros oferte á nosa xuventude para o próximo verán viaxes culturais destinados á aprendizaxe de idiomas, ben sexa a través de intercambios ou de estancia en residencias en Inglaterra, Irlanda ou Francia. O coñecemento doutros países, doutras culturas e doutros idiomas é unha inversión na que Oleiros non pode quedar atrás. |